Campaña de reciclaxe de ordenadores usados

ASETEM e MeLiSA asinarán a próxima semana un convenio de colaboración que permitirá recuperar ordenadores obsoletos, co obxectivo de poñelos a disposición de empresas e usuarios. Esta iniciativa busca facilitar o acceso ás novas tecnoloxías, e ao mesmo tempo, difundir o software libre en diferentes ámbitos da comarca.

O proxecto consiste en recoller equipos informáticos vellos, ou que xa quedaran desfasados, e proceder á súa revisión e actualización con programas libres, para poder poñelos a disposición de empresas, traballadores autónomos, ou colectivos sociais que os precisen. Poderá colaborar calquera persoa ou colectivo, do xeito que máis lle interese.

O punto de recollida do material está situado na sede de ASETEM, na rúa Lino Sexto Sánchez, en Melide.

Unha vez entregado o material, MeLiSA faise cargo da revisión e reparación do equipo, así como da instalación e configuración dos programas que sexan necesarios. Farase a instalación dun sistema operativo libre (GNU/Linux), e daquelas ferramentas máis axeitadas para o traballo que teña que desenvolver no lugar de acollida.

O colectivo prioritario como receptor destes equipos serán os socios de ASETEM, pero queda aberta a posibilidade de ampliar cara outros sectores, coma por exemplo, familias que precisen dun ordenador para ser utilizado por algún dos seus membros en idade escolar.

Comece a escribir o seu termo de procura arriba e presione enter para buscar. Presione ESC para cancelar.

Volver ao inicio