simplicITy, computadores con GNU/Linux para os maiores

Publicado por Mancomún
Luns, 16 de Novembro de 2009

Para a maioría das persoas maiores os computadores e Internet son un misterio indescifrable. A dificultade que implica coñecer todo un sistema novo fai que moitos deles xamais utilicen un computador.

Pensando nese público cada vez máis numeroso, a compañía Wessex Computers puxo á venda no Reino Unido dous computadores bautizados como simplicITy, equipados con GNU/Linux. Aínda que pareza contraditorio, este sistema operativo é ideal para crear solucións a medida dos nosos maiores: eles tan só terán que escoller entre 6 opcións, o que lle facilitará a vida dixital.

A flexibilidade do código aberto deu orixe a unha interface chamada “Square One”, que permite revisar o correo electrónico, chatear, navegar por Internet, revisar documentos, titoriais e crear un perfil de usuario. A súa estrutura é tan lineal e pechada, que os usuarios non se perderán entre tantas xanelas e opcións.

Os simplicITy veñen en dúas versións: a Suite 100, equipada cun procesador Sempron LLE-1250, e a Suite 200, que inclúe un Atom Dual Core. Ambos agregan un monitor de 19 polgadas, teclado e rato sen fíos, para que os usuarios non se enreden nin sequera fisicamente.

Fonte: fayerwayer.com

Comece a escribir o seu termo de procura arriba e presione enter para buscar. Presione ESC para cancelar.

Volver ao inicio