Vivirmos en galego

Ante a inminente presentación do programa «Vive en galego» da Secretaría Xeral de Politica Lingüística con Microsoft, a Comunidade de Software Libre Galega quérelle achegar á cidadanía o seguinte comunicado para a súa redifusión:

Dende a comunidade de software libre galega queremos expresar as nosas
inquedanzas e o malestar que nos produce a reedición dos acordos entre
o goberno galego, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística
da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria, e a empresa
Microsoft. A SXPL disponse a anunciar a dispoñibilidade dos produtos
privativos desta empresa na nosa lingua galega e faino por medio dunha
campaña que deu en chamar «Vive en galego».

Lonxe de nos alegrar a nova, preocúpanos que de novo un organismo
público poida estar favorecendo a unha empresa que reiteradamente foi
condenada pola Unión Europea  por abuso da súa posición dominante no
sector e que ten uns ingresos netos anuais da orde de miles de millóns
de euros. Descoñecemos os detalles económicos da colaboración entre a
SXPL e Microsoft mais sospeitamos de que existe un apoio financeiro ou
unha contrapartida que beneficia á dita empresa. Por iso demandamos
que se fagan totalmente públicos os acordos acadados entre as dúas
partes para que cada contribuínte galego saiba en que medida os seus
impostos van destinados a favorecer a Microsoft.

Estamos convencidos de que os dous millóns e medio de galegos son un
motivo suficiente para que unha empresa cos beneficios netos de
Microsoft financie autonomamente a localización dos seus produtos en
galego sen precisaren de apoio institucional ningún. Sería
verdadeiramente lamentable coñecer que se malgastan fondos públicos
neste tipo de colaboracións.

Se os houber, eses recursos públicos irían mellor empregados na
promoción do sector do software libre galego, que xa fornece dende hai
máis de dez anos produtos de alta calidade totalmente galeguizados.
Apoiar ao tecido do software libre galego permitiría  dar un pulo a un
sector TIC propio e puxante que xeraría aínda máis recursos e empregos
na nosa comunidade do que xa o fai actualmente. Mais lonxe disto o
goberno ignora o seu discurso de austeridade e parece disposto a
favorecer a grandes empresas estranxeiras que non só deixan beneficios
fóra do noso territorio senón que se opoñen frontalmente ao software
libre, violan os principios de libre competitividade e néganse á
adaptación aos estándares internacionais dos formatos.

Na comunidade galega de software libre fomos quen, co moi escaso apoio
institucional prestado durante todos estes anos, de conseguir
verdadeiros fitos grazas ao esforzo individual de cada voluntario que
altruistamente e anonimamente prestaron e prestan o seu tempo e
dedicación ao desenvolvemento, galeguización e difusión de software
libre. Grazas a este esforzo colectivo hoxe cada galega e galego ten á
súa disposición solucións informáticas completas e de calidade na súa
lingua, coa seguridade de que as poden obter libremente sen
restricións de ningún tipo. Nós xa vivimos en galego tamén as novas
tecnoloxías.



Asinan:
A.C. para a Galeguización de Software Libre Proxecto Trasno
Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (Melisa)
Asociación de Usuarios de GNU/Linux «Inestable.org»
Asociación Comunidade O Zulo
Grupo Asociado pola Libre Información e a Tecnoloxía (Galite)
Asociación de Usuarios GNIX (AGNIX)
Grupo de amigos de Linux de Pontevedra (Galpon)


Comece a escribir o seu termo de procura arriba e presione enter para buscar. Presione ESC para cancelar.

Volver ao inicio