A Revolución do Software Libre – Curso da Universidade de Verán

Os últimos dez anos veñen tornando a atención do público cara un proceso global que comezou en 1983 coa iniciativa dunha persoa que foi quen de a debullar nas suas ramificacións filosóficas, éticas, técnicas e económicas ata cambiar profundamente a industria da informática e a relacción que millóns de usuarios en todo o mundo teñen cas tecnoloxías asociadas a esta. Pola profundidade e dramatismo destes cambios, o xeito en que están a se propagar mais aló dos eidos orixinais nos que foran pensados e a obrigar a que empresas, institucións gobernos e persoas se reprantexen certos aspectos da sua percepción do mundo cabe falar, en propiedade, dunha auténtica Revolución do Software Libre.

Banner A Revolución do Software Libre

O obxectivo principal destas xornadas é expoñer aos asistentes a historia deste cambio, partindo do plantexamento filosófico case axiomático que lle da corpo e amosando cómo as implicacións destas ideas se reflicten nun novo modelo económico macro e microeconómico para a industria da informática — modelo extrapolable a outros eidos –, nunha profunda perturbación da industria cultural que está a ver nas saídas do Software Libre un modelo do que tomar ideas para se renovar, e nun cambio de paradigma de desenvolvemento de software e mesmo hardware onde os expertos — programadores, deseñadores, coordinadores, analistas — están deslocalizados e actúan ás veces mesmo con patróns de enxamio que, nembargante, conseguen con enorme rapidez produtos de superior calidade.

As conferencias serán exposicións teóricas que abranguirán todo este espectro, impartidas por recoñecidos referentes profesionais e filosóficos das múltiples áreas implicadas e avaladas polos datos e a experiencia que as entidades que representan — administracións, empresas, universidades, asociacións — poden aportar.

O curso está pensado para un público xeralista, en boa medida ca vontade de amosar o xeito en que o Software Libre afecta a toda a sociedade. Partirase das nocións básicas e non son precisos coñecementos previos de ningún tipo. Nembargante, agárdase que o curso sexa tamén de interese para os veteranos no mundo do Software Libre, xa que permitirá abordar moitos aspectos que decote quedan en segundo plano.

O curso inscríbese no marco dos Cursos de Verán da USC promovidos pola Vicerreitoría de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela. Os/as asistentes terán dereito a un diploma no que constarán o título do curso, o número de horas e a asistencia. Para os/as estudantes da USC, este curso será recoñecible como 2 créditos de libre configuración.

Mais información:
http://www.usc.es/osl/osrevolution
http://www.usc.es/cultura/uveran09.htm

Comece a escribir o seu termo de procura arriba e presione enter para buscar. Presione ESC para cancelar.

Volver ao inicio