Axudas para autónomos na compra de ordenadores.

A Xunta habilita un millón de euros de axuda para que os autónomos poidan comprar computadores con SwL

Publicado por Mancomún
Luns, 6 de Xullo de 2009
  • A tramitación efectuarase a través dos máis de cen puntos de venda admitidos como entidades colaboradoras e dun xeito instantáneo para o beneficiario grazas a un aplicativo web
  • A axuda máxima por equipo, que se venderá obrigatoriamente con software libre, pode chegar aos 350 euros
  • Mancomún elaborou xa no 2008 unha proposta de software e material de axuda para as entidades colaboradoras

A Xunta de Galicia porá en marcha esta semana unha liña de axudas para os autónomos destinada á compra de computadores persoais nos que se instalarán ferramentas informáticas de software libre para fomentar o seu uso entre os beneficiarios. Deste xeito, e coa publicación no DOG de mañá da lista definitiva das entidades colaboradoras coa Consellería de Economía e Industria, o martes darase por aberto o proceso para que os autónomos poidan solicitar estas achegas encamiñadas a facilitar o acceso dos empresarios á Sociedade da Información.

As axudas para este ano contan cun orzamento aproximado de 1 millón de euros, por enriba dos 660.00 € que se destinaron a esta mesma liña no 2008. A contía das achegas acadará ata o 45% da base impoñíbel do custo do ordenador -cun máximo de 350 euros-, e está previsto que beneficie a uns 4.000 autónomos, case o dobre dos que se acolleron a estas axudas o ano pasado.

Na anterior convocatoria Mancomún colaborou na iniciativa coa elaboración de material de axuda que foi entregado previamente ás entidades colaboradoras. Concretamente achegáronse dous CD cos programas de instalación de GNU/Linux e aplicativos de software libre, así como un DVD con ferramentas de xestión para PEMES. Medida coa que se facilitou o cumprimento das obrigas por parte dos comercios para a xestión desta liña de axudas.

Os beneficiarios tramitarán todas as solicitudes de axuda exclusivamente a través das tendas que teñan sido admitidas como entidades colaboradoras, e o autónomo obterá ao instante o desconto na factura do ordenador que compre, posto que a Consellería de Economía e Industria reintegrará despois ese cartos á entidade colaboradora. O proceso de autorización das achegas é inmediato grazas a un aplicativo web que conecta aos puntos de venda coa Xunta de Galicia. O proceso está baseado na sinatura electrónica e aproveita todas as opcións legais de simplificación.

Os traballadores que queiran optar a esta liña de axudas terán que estar dados de alta no Réxime especial de traballadores autónomos da Seguridade Social, con domicilio e alta fiscal no IAE para a súa actividade económica en Galicia. Ademais, debe acudir á entidade colaboradora co seu DNI e o recibo mensual do último pagamento á Seguridade Social (TC1). No caso de que no DNI non figure domicilio en Galicia poderá achegar un certificado de domicilio fiscal da Axencia Tributaria. Nestas axudas non está incluído o comercio retallista.

Esta liña de axudas, que promoveu a Consellería de Economía e Industria e xestionará a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación tecnolóxica, foron tramitadas a través de procesos telemáticos coas máis de 100 entidades colaboradores, que empregaron a sinatura electrónica para formalizar o convenio de colaboración sen necesidade de empregar papel nin de desprazarse ata Santiago.

Toda a información sobre estas axudas está na web www.xunta.es/cei/pcautonomos.

Comece a escribir o seu termo de procura arriba e presione enter para buscar. Presione ESC para cancelar.

Volver ao inicio